Thursday 02 de May de 2024

Carballo e Uruguai abren unha nova vía na histórica relación entre ámbalas comunidades a través da cooperación cultural


O cónsul xeral de Uruguai visitou hoxe o noso concello e mantivo unha xuntanza co alcalde

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez, recibiu este luns ao cónsul xeral de Uruguay en Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco, Ramiro Rodríguez Bausero, na súa segunda visita oficial ao noso concello tras tomar posesión do cargo en marzo do ano 2021. Na xuntanza tamén participaron os concelleiros Luis Lamas e Juan Seoane.

Os membros do goberno municipal e o cónsul conversaron sobre distintos asuntos de actualidade, aínda que o eixo da reunión foi a apertura dunha nova vía na histórica relación entre ámbalas comunidades a través da cooperación cultural. Nese sentido, Concello de Carballo e consulado seguirán en contacto para establecer a fórmula máis axeitada para materializar esa colaboración.

Ramiro Rodríguez destacou a “relación extraordinaria” que existe entre Carballo e Uruguai, e interesouse pola evolución tanto da representación carballesa en Uruguai coma da uruguaia en Carballo. O cónsul avanzou que para este ano está prevista unha nova visita da embaixadora do seu país en España, Ana Teresa Ayala Barros, a Galicia, e mencionou a posibilidade de que volva a achegarse ata Carballo. “Estaríamos encantados”, respondeulle o alcalde.